31 de maio de 2012


PLAN DE DESEMPREGO
En Xove podemos analizar a evolución do paro no noso concello dun xeito claro dende que temos rexistros de datos do INE. Tan claro, que unha análise pormenorizada destes datos deixa ver que o plan de emprego municipal actual (coma os anteriores) non serve para a finalidade coa que foi creado. Calquera que colla a convocatoria na man preguntarase para que serven as bases, se non se respectan. Isto pódese comprobar cunha sinxela lectura das actas do goberno local, onde se pode observar que estas subvencións se conceden de xeito discrecional a moitas persoas que en toda a súa vida laboral non pisaron unha oficina do INEM.
 
A mediados do ano 2005, Xove contaba cunha poboación de 3636 persoas censadas e tiña unha media de paro de 140 persoas. No ano 2011 perdimos poboación até as 3496 persoas, cunha media de paro de 164 persoas. No primeiro trimestre do 2012 a taxa media de paro en Xove resultou ser de 194 persoas, é dicir, aumentou un 30% ao tempo que a poboación se reduciu un 6%. Para que serve entón tal plan de emprego?
 
O enorme esforzo en márketing na prensa comarcal para vendernos este “plan de desemprego” non ten parangón. Está visto que cando se trata de gastar en propaganda non hai crise que valla. Pero, onde está o fracaso desta política? Ao meu entender o que fallan son as bases que regulan o dereito ás axudas, sempre e cando non foran feitas así coa solapada intención de vender favores financiados con diñeiro público. Un exemplo: ten o mesmo dereito ás axudas do Plan de Emprego unha persoa que leva varios anos no paro ca unha que leva un día. Igual que unha persoa que, tendo traballo, se anota unicamente para mellora de emprego. A outra grande eiva é que se priman pouco os contratos indefinidos (1800€ anuais) fronte aos contratos temporais (1000€ ao ano). E así estamos, con contratos de tres aniños e, en canto se acaba a subvención, volta a empezar.
 
Por Xosé Lois Iglesias Pérez

28 de maio de 2012


ANTONIO VEIGA VISITA OS HOMES E MULLERES DO BNG DE XOVE

O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, quixo compartir, o pasado xoves 25 de maio, unha xornada coa nosa Asemblea Local e participo una preparación do vindeiro Pleno Municipal.
As súas palabras centráronse en animar os membros do BNG de Xove e en explicar polo miúdo o traballo que estamos desenvolvendo na Deputación. Traballo este que moitas veces está servindo de amortiguador dos recortes que o goberno do Estado e da Xunta, ambos do PP, están facendo en todo tipo de materias sociais e de benestar.
Antonio Veiga mostrouse moi preocupado pola decisión da Xunta de deixar sen financiación o Servizo de Axuda no Fogar nos concellos de menos de 20000 habitantes, o que na provincia de Lugo sería equivalente a que só a capital puidese gozar deste dereito. Informounos ademais de que, nunha reunión á que asistiron os alcaldes da provincia, unha das voces que máis defenderon este recorte do servizo foi a do Alcalde de Xove, D. José Demetrio, cousa que nos deixou cando menos perplexos e á espera de explicacións .
Polo demais a reunión discorreu nun clima de cordialidade e posta en común de proxectos de futuro.

25 de maio de 2012


O PP OPÓNSE Á PROPOSTA DO BNG PARA INCLUIR NOS ORZAMENTOS 600.000 EUROS PARA ADAPTAR O DIQUE NORTE DE ALCOA A USOS COMERCIAIS   

“Nun contexto de crise, impulsar infraestruturas que contribúan a dinamizar a economía como o dique no Porto de San Cibrao, debería ser algo prioritario”, afirmou Jorquera

 Madrid, 23 Maio 2012. O PP opúxose no Pleno á proposta realizada polo portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, de incluir nos Orzamentos 2012, unha partida de 600.000 euros para a redacción do proxecto de adaptación do Dique Norte de Alcoa, no Porto de San Cibrao, a usos comerciais.
O Pleno do Congreso debatía as emendas aos Orzamentos Xerais do Estado 2012. Jorquera defendeu as presentadas polo BNG ao capítulo económico e á sección do Sector Público Empresarial. Entre elas, a necesidade de converter o Dique Norte de Alcoa nun porto comercial.
Jorquera, quen asegurou non entender a actitude do PP, afirmou que “nun contexto de crise económica, impulsar infraestruturas que contribúan a dinamizar a economía debería ser unha prioridade”. Este é o caso do “Dique Norte do Porto de San Cibrao, unha actuación que só require de vontade política pois no económico non require dun grande investimento”.
Explicou  no Pleno que o Dique Norte está en desuso porque a empresa concesionaria, Alcoa, tan só precisa para o desenvolvemento das súas actividades o Dique Sur do Porto de San Cibrao. Puxo de manifesto que se trata dunha demanda do conxunto de forzas políticas e axentes sociais da comarca de A Mariña. “Precísase a liberación da concesión para que o Dique poida ser aproveitado para usos comerciais que dean saída por mar ás mercadorías”.

15 de abril de 2012


O grupo municipal nacionalista insta a mellora do acceso á Escola de Música de Xove



O pleno do vindeiro luns debaterá unha moción do BNG para que o goberno local amplíe e acondicione o entorno do antigo colexio público de Palmeiro

A vella escola da Urbanización de Palmeiro foi mudando de función desde que deixou aquela para a que foi creada, isto é: a de ser un centro da Consellaría de Educación. Hoxe en día é un dos lugares con máis actividade social do concello de Xove, sendo lugar de ensaio da Escola Municipal de Música e sitio onde outras asociacións culturais realizan as súas actividades.
Este singular edificio foi rehabilitado tanto no seu interior como na súa cuberta en época recente, pero este acondicionamento tamén se debería estender ao acceso ao edificio, que a día de hoxe é estreito e perigoso por carecer dun balado de protección do lado do terraplén.
Desde o Bloque tamén facemos fincapé na necesidade dunha actuación de acondicionamento no entorno da escola, moitas veces cheo de cascallos dos camións de madeira e autocargadores que usan a pista de acceso e onde, nalgunhas ocasións, tamén se amorea a madeira pinchada dos montes próximos.
Por esta razón, desde o grupo municipal do BNG pediremos na sesión plenaria convocada para o vindeiro luns que se amplíen e acondicionen os accesos e o entorno da Escola de Música en harmonía coas obras realizadas nela, así como que se tomen cantas medidas lle sexan propias para manter dignas e en bo estado estas melloras.

17 de fevereiro de 2012

PREGUNTAS FORMULADAS POLO BNG NO ÚLTIMO PLENO

1º) Marco López López, concelleiro-portavoz do Grupo Municipal do BNG na Corporación Municipal de Xove, ao abeiro da lexislación vixente EXPON:
O Goberno Central vén de aprobar o Real Decreto-Lei 20/2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria, que inclúe o incremento do Imposto de Bens Inmobles de Natureza Urbana (IBI). Neste RDL, o Goberno Central do PP impón unha suba dos tipos de gravame do IBI que non poderá ser inferior a 0,50 no 2012 e a 0,60 no 2013; e varía entre o 10%, 6% e 4% en función da antigüidade da revisión catastral -antes de 2002 (10%), entre 2002 e 2004 (6%), e entre 2008 e 2011

PREGUNTAS:
Tendo en conta a situación económica municipal cualificada de "moi boa" en diferentes ocasións por membros do goberno xovense, ten pensado o executivo local algunha actuación para compensar este incremento impositivo practicado polo Partido Popular desde o goberno do Estado?

Apoia o goberno municipal de Xove esta invasión das competencias locais e a inxerencia do goberno do Estado nos mecanismos tributarios e na autonomía financeira do noso Concello?

2º) Marco López López, Concelleiro-portavoz do Grupo Municipal do BNG na Corporación Municipal de Xove, ao abeiro da lexislación vixente EXPON:
A Consellaría de Traballo e Benestar anunciou que este ano aportará 12.000 euros para a Escola Infantil dependente do noso Concello, cantidade que sairá dun orzamento autonómico que reduciu en 2,5 millóns de euros a partida destinada ao mantemento das escolas infantís municipais para este exercicio .

PREGUNTAS:
Diante desta subvención irrisoria que veñen de anunciar, informou o goberno local á Xunta dos gastos reais que supón o mantemento a Escola Infantil de Xove?

A canto ascende a minoración da asignación autonómica para este fin en relación ao ano 2011 ? E a respecto do 2010?

Obrigará este recorte a un futuro incremento na cota mensual que veñen aboando as familias usuarias deste servizo?

Polo Sr. Alcalde manifestase que ó abeiro do disposto no Art. 97.7 paragrafo 3º do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locales, dará contestación ás preguntas transcritas na vindeira sesión plenaria, unha vez recabados os datos e información pertinentes.

5 de fevereiro de 2012

O Bloque de Xove solicita a retirada da cabina telefónica dos taxis por “obsoleta”

Os nacionalistas xovenses presentarán unha moción para que o goberno local se implique na mellora do servizo de taxi no municipio e instale, tamén, sinais verticais nas paradas
 
Os poderes públicos impóñenlles aos taxistas inspeccións, cargas tarifarias e autorizacións previas obrigatorias. Ese control da Administración debería obrigar as autoridades a implicarse na mellora das condicións nas que os taxistas desenvolven a súa actividade e a responsabilizarse das deficiencias do servizo que son alleas aos propios profesionais.

Desde o BNG de Xove entendemos que a cabina telefónica situada na Avenida Deputación, á altura da Cafetería Mera, foi utilizada hai tempo polos taxistas do noso municipio, pero na actualidade atópase nun máis que lamentable estado e en completo desuso. Este aparello perdeu a súa funcionalidade por estar obsoleto, pero tamén porque se atopa instalado na marxe contraria da parada.

Asemade, desde o Bloque xovense cremos que é función do goberno local sinalar debidamente a ubicación das liñas oficiais de taxi e velar para que o grande espazo que ocupa a cabina situada sobre a beirarrúa non provoque molestias aos peóns, tal e como vén acontecendo.

24 de dezembro de 2011

Xove queda excluído dos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano

Os nacionalistas xovenses entenderon a ausencia do presidente da Xunta e da presidenta do Parlamento no debate das emendas de interese para o seu concello como “unha falta de respecto institucional sen precedentes”



Desde o BNG de Xove non podemos máis que criticar o “absentismo laboral” de Núñez Feijóo e Pilar Rojo, que preferiron asistir en Madrid á investidura de Mariano Rajoy como presidente do goberno español no canto de atender as súas obrigas institucionais. Deste xeito o PP amosa unha vez máis o seu desprezo polo autogoberno: nin lles importan os nosos problemas nin lles importa este país.

O goberno do Partido Popular rexeitou todas as emendas presentadas polo grupo parlamentar do BNG aos Presupostos Xerais para o ano 2012. Entre estas figuraba un proxecto de ampliación do polígono industrial de Camba e mais a construción de vivendas sociais (ou a compra para VPA das xa existentes na Urbanización Palmeiro). Unhas propostas que, ademais, o PP de Xove levaba no seu programa electoral de hai cinco anos e que agora veñen incrementar unha longa lista de incumprimentos.