21 de maio de 2019


HAI ALCALDES E ALCALDES


“Rematado o debate, efectuada a votación, e verificada a mesma, dá o seguinte resultado: votos válidos emitidos, 24; votos a favor 3 (emitidos polos señores Deputados do Grupo Provincial do BNG e do Sr. Deputado non adscrito); votos en contra, 12 (correspondentes ós señores Deputados do Grupo Provincial Popular); abstencións, 9 (correspondentes ós señores Deputados do Grupo Provincial Socialista). Polo que o Presidente declara rexeitada por maioría a moción presentada”


É indiscutible que o peche de Alcoa sería a cousa máis grave que nos podería afectar como concello. Se ben desde o goberno local parecen non darlle a suficiente importancia, tendo en conta o sentido do voto emitido hai medio ano polo alcalde de Xove e o seu grupo na Deputación.
O grupo provincial do BNG defendeu o 30 de outubro unha moción para que a enerxía fora entendida como un ben público. Tamén incidiron os nosos deputados en que e a política económica debería desenvolverse en base a esta consideración. Así mesmo, entendían que o seu acceso debería ser un dereito garantido para todas as persoas,  por riba dos intereses económicos das empresas.
Actualmente o prezo é fixado pola última oferta en ser aceptada, como na lonxa, e a fiscalidade está disparada, que é o que incrementa tanto o prezo final. A carga fiscal atópase no tramo máis elevado do IVE (21%), sendo un dos máis altos de Europa.
En Galiza tivemos e temos un papel de produtor de enerxía que non foi escollido polos propios galegos. Este sistema, en parte herdado do franquismo e do cal nunca obtivemos compensación ningunha, impúxonos a xeración de enerxía para o seu consumo noutros territorios do Estado español, sendo nós exportadores dun 35% da electricidade que se produce aquí.
Non é xusto que por riba de non beneficiarnos, e a pesar dos custos sociais e medioambientais que padecemos, teñamos que pagar a factura máis cara de todo o Estado.
Dende esta moción promovida polo grupo provincial nacionalista na Deputación de Lugo, o que se buscaba era:
1º. Baixar o IVE sobre electricidade do 21% ao 4%.
2º. Modificar a Lei 24/2013 do Sector Eléctrico, de forma que se permitira a regulación dunha Tarifa Eléctrica Galega para que Galiza puidera beneficiarse pola súa condición de produtora.
Unhas propostas nada desmesuradas que foron rexeitadas polo grupo provincial do Partido Popular. Entre eles atopábase o noso alcalde que, sabendo da importancia da industria electrointensiva para o noso municipio, veu óptimo seguir coa normativa actual que continúa a favorecer unicamente a uns poucos: os de sempre.
E para rematar, déixovos cunha pequena parte da intervención do noso portavoz na Deputación:
“E iso ocorre ademais nun país, Galicia, que é eminentemente exportador. Nos últimos anos, de media, Galicia exportou a outros territorios do Estado ou incluso de Europa o 35% da enerxía que produce. Enerxía que basicamente está producida polo sol, pola auga ou polo propio vento. É máis, incluso chega ao absurdo: non só somos un país produtor, senón que das empresas que producen esa enerxía no noso país, a maioría delas nin sequera pagan os impostos en Galicia. O Imposto de Actividades Económicas, e outros, vanos pagar a Madrid. E supoño que en Madrid estaranse cachondeando porque, encima de que pagamos a factura máis alta, quedamos coas mellores terras asolagadas polos encoros, deixáronnos durante décadas o fume e a choiva ácida das térmicas, e temos os montes cun impacto visual impresionante debido aos eólicos. E por enriba as empresas que a producen e sacan os beneficios diso, pagan os impostos en Madrid, un territorio onde ademais teñen a factura moito máis baixa ca que temos en Galicia.”
Esta moción obtivo 12 votos en contra do PP. Entre eles o de Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove.