23 de novembro de 2014



O ENGADO DA “PARTE CONTRATANTE”

Os xornais da Mariña luguesa difundiron hai dúas semanas unha ampla información acerca dun feito histórico sen parangón: a compra da antiga Baleeira de Morás polo módico prezo de UN EURO. O vendedor resultaba ser Alcoa e os compradores nós, o pobo, a través do Concello de Xove.
Imaxinemos que con este ben inmoble en desuso (do que tanto lle custou desfacerse á multinacional do alumino á vista do elevado prezo da transacción) a Administración municipal tivera pensado xestionar a creación do «Conxunto Etnográfico da Baleeira de Morás». Imaxinemos por un intre que desde o Concello trataran de conservar, cando menos, a rampla de remonte das baleas. Asemade, botémoslle imaxinación tamén a que na proposta oficial para proceder á recuperación da zona como área etnográfica, os paneis informativos amosaran datos de interese xeral sobre este mamífero mariño como:
·         O xeito no que as baleas eran subidas a terra cuns ganchos espetados no lombo do cetáceo.
·         Ou a maneira na que os homes, calzados cuns zocos especiais con cravos, realizaban o esfolado e despece do animal.
·         Tras o que procedían a separar o magro da graxa, recortando grandes anacos para levalos a fundir.
·         E, finalmente, pasaban a carne do mamífero a unhas mesas altas ou mostradores onde as mulleres a triscaban e a envolvían cunha rede.
·         Por último, conxelaban a carne e agardaban a chegada dos camións que transportaban a produción até Vigo, para a súa distribución desde o porto.
Continuade imaxinando que desde o Goberno municipal se fora promover a colaboración da veciñanza que traballou na súa mocidade na industria baleeira. Todo isto co obxectivo de facelos partícipes da creación do «Conxunto Etnográfico da Baleeira de Morás» a través da recompilación das súas proveitosas lembranzas.
Xa podedes deixar de imaxinar. A única idea que o Goberno local ten para a recuperación da zona é a creación dun "espazo verde" e un "parque". E obvia falarmos da escuridade do acordo legal asinado con Alcoa, onde nun dos tres puntos dese contrato privado o comprador queda obrigado ao que segue: O Concello de Xove manifesta que coñece o uso que a empresa IBSA (Industrias Balleneras S.A.) e posteriormente Alúmina Española y Aluminio Español teñen dado a tales edificios e terreos, renunciando expresamente a reclamar a ditas empresas por contaminación de solos ou análogos, comprometéndose a indemnizar á parte vendedora por calquera gasto en que puidera incorrer derivado destes conceptos.
Tras a sinatura deste cheque en branco, sabendo que ninguén dá pesos a catro pesetas e que o prezo de compravenda foi fixado en UN EURO, o que nos queda claro é que “a parte contratante da primeira parte será considerada como a parte contratante da primeira parte”. Non si?

Marco López
Portavoz do BNG de Xove
15/11/2014

12 de outubro de 2014


O BNG de Xove pide que se controle a praga da “herba da Pampa” nas praias do municipio

O grupo municipal nacionalista tamén esixiu maior profesionalidade en relación co problema da avespa asiática tras coñecerse a mala práctica de retirar as colmeas durante o día


A “herba da Pampa” ou “cortadeira” é unha planta invasora que provén de Sudamérica, que medra nunha mata densa e pode chegar aos tres metros de altura. Ten follas longas con beiras moi afiadas e flores en panícula branca sobre varas florais. A “cortadeira” foi introducida en Europa como planta ornamental.



Esta herba, que semella tan inofensiva, atópase entre as dez especies máis danosas da Península Ibérica. Aínda que non se trata de ningún animal e, polo tanto, nin roe persoas nin mata abellas, a “herba da Pampa” está considerada unha verdadeira praga e é preocupante a súa proliferación nas praias do noso municipio, nomeadamente na de Lago. Do mesmo xeito, desde o grupo municipal do BNG advertimos que a “cortadeira” está a espallarse por todo o concello por desleixo institucional e instamos o goberno municipal a que tome medidas para frear esta praga, promovendo a concienciación social, coa finalidade de evitar a recollida e trasporte da “herba da Pampa” pola cidadanía para evitar a propagación das sementes.



Nesta mesma liña, desde o Bloque xovense preguntámoslle ao executivo local polas súas responsabilidades no control da praga da avespa asiática tras coñecerse publicamente que a retirada dos niños de Vespa Velutina estábase a realizar precisamente cando o insecto non se atopaba na colmea. Isto, tendo en conta que as femias obreiras son estériles debido a unha hormona que desprende a raíña fundadora do niño e que impide que sexan reprodutoras, provoca que todas as avespas se volvan sexuadas sen esa hormona e, polo tanto, se transformen en raíñas fundadoras de novas colmeas. É dicir, que no canto de combatelas, a Administración estaba multiplicando a poboación de avespas asiáticas.

28 de agosto de 2014



O BNG de Xove solicita o rexistro da páxina web do concello co dominio xove.gal

O grupo municipal nacionalista presentou no pleno unha moción na que insta o Goberno municipal para que rexistre e active o enderezo www.xove.gal nos prazos estabelecidos pola asociación que xestiona o dominio galego

No marco da actual sociedade da información: o que non está na internet non existe. A comunidade galega no mundo xa goza dunha marca propia coa que identificar todos os contidos que xeramos na Rede. O .gal é o dominio que nos corresponde como país con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos e sociais. Unha especie de sufixo co que identificamos na internet as páxinas escritas en galego e que se dirixen á sociedade galega nas súas comunicacións en liña que, tendo en conta a nosa dispersión no mundo, non se circunscribe a un ámbito territorial concreto.

O BNG solicitou a migración da páxina web do Concello cara ao .gal e resaltou que «O dominio é xestionado pola Asociación PuntoGal e os ingresos económicos que se producen pola súa actividade serven para o mantemento da propia actividade e, no caso de producírense beneficios, estes son investidos no fomento da lingua e cultura galega dentro do ámbito das novas tecnoloxías».

Unha vez rematada a fase previa denominada Programa Pioneiros, que permitiu poñer na Rede un grupo reducido e significativo de dominios o pasado 25 de xullo, Día Nacional de Galicia; agora dáse paso á Fase de Lanzamento, na que se abre o período coñecido como Abrente ou Sunrise que permitirá que aquelas entidades tanto públicas como privadas poidan exercer o seu dereito preferente de solicitar un dominio. Esta fase desenvolverase entre os meses de setembro e novembro e, simultaneamente ao Abrente, desenvolverase o proceso de Carreira ou Landrush no que aqueles interesados en dominios sen prioridade de especial interese poderán ter a súa oportunidade de solicitalo. Finalmente o proceso rematará coa Fase Aberta na que, tal e como o seu nome indica, se abrirá o rexistro libre de dominios para o público xeral e que comezará a funcionar arredor de decembro.
Por todo isto, o grupo nacionalista no Concello de Xove pediulle ao Pleno da Corporación municipal a adopción dun acordo que estabeleza un plan local de promoción entre as diferentes entidades e asociacións locais co obxecto de que comecen a mudar as súas páxinas web cara ao .gal. E, asemade, que o Goberno local xestione unha liña extraordinaria de axudas destinadas ás entidades e asociacións municipais para faceren fronte á tarifa da Asociación PuntoGal que se publicará como “prezo normal” ao longo do vindeiro mes de setembro.

28 de abril de 2014



O BNG de Xove define como unha “acción maliciosa” que os concelleiros do PP xustifiquen os seus soldos exuberantes con mentiras

O voceiro municipal do grupo nacionalista en Xove, Marco López, presentou no debate plenario celebrado hoxe ás 10:30 horas o ROGO que segue:

Que desde o goberno municipal do Concello de Xove se deixe de faltar á verdade en relación ás continuas manifestacións por parte da alcaldía xustificando o seu salario no feito de que “os do Bloque votaron a favor” cando se aprobou. Para este fin, e debido a que non sabemos se isto responde a un episodio de amnesia temporal ou a unha acción maliciosa, transcribimos literalmente a intervención deste grupo municipal no pleno celebrado o 17/06/2011 e que consta na acta que se levantou ao efecto:
«…que o BNG considera totalmente excesivas as (catro) dedicacións que se propoñen, tendo en conta as características do Concello de Xove, como poden ser o seu número de habitantes e a plantilla de persoal de que dispón o Concello, e mesmo tendo en conta unha análise comparativa coa xestión de Concellos limítrofes ó de Xove. Neste sentido, o BNG considera que dúas dedicacións exclusivas son máis que suficientes para xestionar correctamente a administración municipal.
Remata a súa intervención o Sr. López Hermida, sinalando que a súa intervención refírese única e exclusivamente ó número de adicacións exclusivas que se propoñen, xa que a contía das retribucións que se pretenden cobrar polos concelleiros liberados, é unha cuestión de ética política, e mesmo persoal do Partido Popular e de cada un dos concelleiros afectados.
Polo Sr. López Hermida sinalase que as xustificacións do Sr. Alcalde son admisibles e razoables, pero no fondo fan dubidar das promesas de austeridade que día tras día están a proclamar os dirixentes do Partido Popular.»

6 de febreiro de 2014


O BNG de Xove preguntará no Pleno polo salario da alcaldía 

                                                    (premer abixo na imaxe para ler a noticia)
http://www.cronica3.com/2014/02/o-bng-de-xove-preguntara-no-pleno-polo-salario-da-alcaldia/



10 de xaneiro de 2014



ARGUMENTARIO DO GRUPO MUNICIPAL NACIONALISTA DE XOVE ACERCA DO ORZAMENTO MUNICIPAL 2014

NÓS, COMO GRUPO MAIORITARIO DA OPOSICIÓN, FUNDAMENTAMOS O NOSO VOTO EN CONTRA DESTES ORZAMENTOS NOS SEGUINTES DOUS PUNTOS:
      1- O propio informe do secretario municipal indica de xeito literal que «en canto á lexitimación para reclamar e as causas de reclamación, o artigo 22 do RD 500/1990 sinala (…) No que se refire aos motivos, únicamente se poderán presentar reclamacións baseadas nalgunha das causas seguintes: a).- Por non terse axustado a elaboración e aprobación do orzamento aos trámites legais fixados na lexislación de aplicación».
Pois ben, tal e como consta no INFORME DE INTERVENCIÓN E DE ESTABILIDADE ORZAMENTARIA achegado co Orzamento Municipal 2014, «o presuposto do Concello de Xove para o exercicio 2014 cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria, cumpre o obxectivo de límite de débeda e INCUMPRE o obxectivo da regra de gasto ao superar o gasto computable de 2014 o límite de regra de gasto calculado sobre a estimación da liquidación de 2013».
Desde o BNG de Xove podemos entender, tal e como tamén consta no informe da interventora, que este último requisito (o obxectivo da regra de gasto) non ten pés nin cabeza para un concello coma o noso. Podemos amosarnos comprensivos e así o facemos, pero o erro non é desta formación política, xa que quen creou unha norma deficitaria que non recolle como excepción os concellos que temos débeda viva nula foi o propio goberno do Estado, foron o ministro Montoro e cía.
Repito. Nós queremos amosar toda a nosa boa disposición a respecto deste problema creado polo executivo de Rajoy en Madrid, un goberno que non responde ás preguntas realizadas formalmente polo Concello de Xove para darlle unha saída a esta situación desde o sentido común. É máis, dubidamos que o Partido Popular de Xove se mostrara tan comprensivo connosco se o erro fora do BNG.
Agora ben, non podemos entender por que aquí, en Xove, vostedes argumentan que podemos saltar por riba dunha norma sen problema ningún e, noutras múltiples situacións políticas, o PP pon atrancos e esgrime a lei coma unha especie de texto sagrado que temos que cumprir ao pé da letra. Sexamos serios, non podemos virar coma o vento cando nos interesa.

2      2- Por outra banda, levamos uns aniños de recortes, repagamentos, subas de taxas e creación de novos impostos que desde o Partido Popular xustifican en relación a unha presunta austeridade que debemos cumprir. Entre eles:

ANO 2011
-RETIRADA DA GRATUIDADE DOS LIBROS DE TEXTO DOS ESTUDANTES POLO GOBERNO AUTONÓMICO.
-RETIRADA DA AXUDA PARA A LIMPEZA DE MONTES.
-SUBA DO CATASTRO ATÉ UN 50%.
-SUBA ATÉ UN 15% DO IMPOSTO DE VEHÍCULOS.
-REBAIXA NAS SUBVENCIÓNS  A ENTIDADES DEPORTIVAS E CULTURAIS DO MUNICIPIO.
-SUBA DA AUGA.
-A XUNTA DE GALICIA INCREMENTA NUN 30% DE MEDIA OS TRIBUTOS PARA A COMPRA DE VIVENDAS.

ANO 2012
-SUBA DA TAXA DA ESCOLA INFANTIL (UN 500%).
-AUMENTO DO PAGO POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR.
-AUMENTO DO PREZO POLA REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES FORMATIVAS, OCIO E TEMPO LIBRE OFERTADAS POLO CONCELLO.
-AUMENTO DO PREZO AOS ALUMNOS E ALUMNAS DA ESCOLA DE MÚSICA.
-IMPOSICIÓN DUNHA TAXA ÁS DEPORTISTAS DA XIMNASIA RÍTMICA.
-ELIMINACIÓN DO PROGRAMA DE EDUCACIÓN INFANTIL “PREESCOLAR NA CASA”.
-ENCARECEMENTO DO CARNÉ DA PISCINA MUNICIPAL.
-SUBA DA LICENZA MUNICIPAL PARA CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS.

ANO 2013
-ESTAFA A DUCIAS DE XOVENSES COAS PREFERENTES E SUBORDINADAS.
-ESTAFA AOS EMIGRANTES RETORNADOS COA OBRIGA DA DUPLA DECLARACIÓN DAS SÚAS PENSIÓNS PERCIBIDAS NOUTROS ESTADOS.
-NON-SUBSTITUCIÓN DUN MÉDICO DO CENTRO DE SAÚDE TRAS A SÚA XUBILACIÓN.
-IMPOSICIÓN DO PAGAMENTO DE ATÉ 90 EUROS MENSUAIS DE COMEDOR ESCOLAR ÁS FAMILIAS E DESVINCULACIÓN DO COMEDOR GRATUÍTO PARA OS PÍCAROS BENEFICIARIOS DO TRANSPORTE.
-INCREMENTO DO IMPOSTO SOBRE OS CARBURANTES (3,6 céntimos por litro de gasóleo e de 2,4 céntimos por litro de gasolina).
- RECORTE DUN 36% NO PLAN DE AXUDAS Á ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR.
- SUBA DUN 33% NA TAXA DO LIXO DE SOGAMA AOS CONCELLOS.

Son unhas poucas medidas, pero desde o Grupo Municipal Nacionalista pensamos que sobran moitas e falta unha: non existe unha soa decisión que teña a ver coas remuneracións que afecten ao propio equipo de goberno do PP de Xove. Que credibilidade pode ter a clase política local, se non existe un só caso no que vostedes prediquen co exemplo?
As dedicacións exclusivas do equipo de goberno supóñenlle ás arcas públicas xovenses un 26% máis que na pasada lexislatura. Entre salarios e seguridade social a cargo do Concello, o custo dos catro liberados políticos do PP ascende a algo máis de 142.000 euros anuais para un municipio de 3.500 habitantes. É dicir, que con só reducir á metade as liberación políticas do executivo municipal, Xove contaría con 71.000 euros máis ao ano para investimento real.
Nós entendemos que a xenerosidade comeza por un mesmo, así que non nos queda outra que opoñernos ao Orzamento Municipal para o ano 2014 presentado por vostedes.