10 de xaneiro de 2014



Os nacionalistas presentan en Xove unha moción para concretar un verdadeiro servizo de oncoloxía no Hospital da Costa

Os concelleiros do BNG criticaron as iniciativas que o PP leva ultimamente ao pleno cualificándoas de “xeralidades” coas que pretenden enganar a opinión pública “dicindo que van facer, pero sen concretar prazos nin orzamento ningún”

No pasado pleno ordinario do 07/10/2013 o grupo municipal popular presentou en Xove unha moción tipo que se correspondía cunha campaña dirixida dende a dirección provincial do PP para instar en todos os concellos da Mariña unha iniciativa relativa á atención e tratamento de pacientes oncolóxicos. Esta iniciativa naceu unha vez máis para tentar desviar a atención cidadá tras ditaren na Xunta o Decreto de Xestión Integrada que deriva á capital da provincia as competencias de xestión das áreas sanitarias de Monforte e A Mariña.
EQUIPO DE RADIOTERAPIA
Aínda así, e a pesar de sermos conscientes os concelleiros nacionalistas de estarmos asistindo de novo a unha campaña de propaganda tras os continuos recortes orzamentarios no eido sanitario e a perda en Xove dunha praza de facultativo, a moción do PP foi aprobada por unanimidade.
Nese mesmo debate plenario, desde o BNG presentamos unha proposta de resolución de engadido respecto á moción do PP por considerar que a proposta de acordo non concretaba de xeito claro o compromiso da corporación municipal de Xove cos doentes oncolóxicos. O alcalde-presidente respondeu literalmente, tal e como consta reflectido na acta, que: “a proposta de engadido é de tal magnitude que sería mellor que se plantexara como unha moción independente”.
Por esta razón, o concelleiro-portavoz do grupo municipal nacionalista accedeu á petición da alcaldía e é por iso que, coa intención de concretar esta iniciativa dun servizo de oncoloxía no Hospital de Burela e para non xogar coa sensibilidade da cidadanía nunha doenza tan grave coma o cancro, solicitamos do pleno da corporación municipal a adopción do seguinte acordo:
1.-  Instar a Xunta de Galiza para a creación na Mariña dun Hospital Oncolóxico de Día coa dotación de medios persoais e materiais, e mais dun espazo físico que permita a atención integral dos doentes. Tamén se estabelecerá unha Unidade de Coidados Paliativos e Hospitalización a Domicilio con recursos humanos, materiais e parque móbil suficiente que permita atender a veciñanza de todos os concellos da área sanitaria da Mariña.
2.- Reclamar da Xunta de Galiza a posta en funcionamento do Servizo de Radioterapia no HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti) e así evitar desprazamentos a outras provincias.
3.- Dar traslado deste acordo ao presidente da Xunta e aos portavoces de todos os grupos políticos do Parlamento galego.