10 de xaneiro de 2014



ARGUMENTARIO DO GRUPO MUNICIPAL NACIONALISTA DE XOVE ACERCA DO ORZAMENTO MUNICIPAL 2014

NÓS, COMO GRUPO MAIORITARIO DA OPOSICIÓN, FUNDAMENTAMOS O NOSO VOTO EN CONTRA DESTES ORZAMENTOS NOS SEGUINTES DOUS PUNTOS:
      1- O propio informe do secretario municipal indica de xeito literal que «en canto á lexitimación para reclamar e as causas de reclamación, o artigo 22 do RD 500/1990 sinala (…) No que se refire aos motivos, únicamente se poderán presentar reclamacións baseadas nalgunha das causas seguintes: a).- Por non terse axustado a elaboración e aprobación do orzamento aos trámites legais fixados na lexislación de aplicación».
Pois ben, tal e como consta no INFORME DE INTERVENCIÓN E DE ESTABILIDADE ORZAMENTARIA achegado co Orzamento Municipal 2014, «o presuposto do Concello de Xove para o exercicio 2014 cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria, cumpre o obxectivo de límite de débeda e INCUMPRE o obxectivo da regra de gasto ao superar o gasto computable de 2014 o límite de regra de gasto calculado sobre a estimación da liquidación de 2013».
Desde o BNG de Xove podemos entender, tal e como tamén consta no informe da interventora, que este último requisito (o obxectivo da regra de gasto) non ten pés nin cabeza para un concello coma o noso. Podemos amosarnos comprensivos e así o facemos, pero o erro non é desta formación política, xa que quen creou unha norma deficitaria que non recolle como excepción os concellos que temos débeda viva nula foi o propio goberno do Estado, foron o ministro Montoro e cía.
Repito. Nós queremos amosar toda a nosa boa disposición a respecto deste problema creado polo executivo de Rajoy en Madrid, un goberno que non responde ás preguntas realizadas formalmente polo Concello de Xove para darlle unha saída a esta situación desde o sentido común. É máis, dubidamos que o Partido Popular de Xove se mostrara tan comprensivo connosco se o erro fora do BNG.
Agora ben, non podemos entender por que aquí, en Xove, vostedes argumentan que podemos saltar por riba dunha norma sen problema ningún e, noutras múltiples situacións políticas, o PP pon atrancos e esgrime a lei coma unha especie de texto sagrado que temos que cumprir ao pé da letra. Sexamos serios, non podemos virar coma o vento cando nos interesa.

2      2- Por outra banda, levamos uns aniños de recortes, repagamentos, subas de taxas e creación de novos impostos que desde o Partido Popular xustifican en relación a unha presunta austeridade que debemos cumprir. Entre eles:

ANO 2011
-RETIRADA DA GRATUIDADE DOS LIBROS DE TEXTO DOS ESTUDANTES POLO GOBERNO AUTONÓMICO.
-RETIRADA DA AXUDA PARA A LIMPEZA DE MONTES.
-SUBA DO CATASTRO ATÉ UN 50%.
-SUBA ATÉ UN 15% DO IMPOSTO DE VEHÍCULOS.
-REBAIXA NAS SUBVENCIÓNS  A ENTIDADES DEPORTIVAS E CULTURAIS DO MUNICIPIO.
-SUBA DA AUGA.
-A XUNTA DE GALICIA INCREMENTA NUN 30% DE MEDIA OS TRIBUTOS PARA A COMPRA DE VIVENDAS.

ANO 2012
-SUBA DA TAXA DA ESCOLA INFANTIL (UN 500%).
-AUMENTO DO PAGO POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR.
-AUMENTO DO PREZO POLA REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES FORMATIVAS, OCIO E TEMPO LIBRE OFERTADAS POLO CONCELLO.
-AUMENTO DO PREZO AOS ALUMNOS E ALUMNAS DA ESCOLA DE MÚSICA.
-IMPOSICIÓN DUNHA TAXA ÁS DEPORTISTAS DA XIMNASIA RÍTMICA.
-ELIMINACIÓN DO PROGRAMA DE EDUCACIÓN INFANTIL “PREESCOLAR NA CASA”.
-ENCARECEMENTO DO CARNÉ DA PISCINA MUNICIPAL.
-SUBA DA LICENZA MUNICIPAL PARA CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS.

ANO 2013
-ESTAFA A DUCIAS DE XOVENSES COAS PREFERENTES E SUBORDINADAS.
-ESTAFA AOS EMIGRANTES RETORNADOS COA OBRIGA DA DUPLA DECLARACIÓN DAS SÚAS PENSIÓNS PERCIBIDAS NOUTROS ESTADOS.
-NON-SUBSTITUCIÓN DUN MÉDICO DO CENTRO DE SAÚDE TRAS A SÚA XUBILACIÓN.
-IMPOSICIÓN DO PAGAMENTO DE ATÉ 90 EUROS MENSUAIS DE COMEDOR ESCOLAR ÁS FAMILIAS E DESVINCULACIÓN DO COMEDOR GRATUÍTO PARA OS PÍCAROS BENEFICIARIOS DO TRANSPORTE.
-INCREMENTO DO IMPOSTO SOBRE OS CARBURANTES (3,6 céntimos por litro de gasóleo e de 2,4 céntimos por litro de gasolina).
- RECORTE DUN 36% NO PLAN DE AXUDAS Á ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR.
- SUBA DUN 33% NA TAXA DO LIXO DE SOGAMA AOS CONCELLOS.

Son unhas poucas medidas, pero desde o Grupo Municipal Nacionalista pensamos que sobran moitas e falta unha: non existe unha soa decisión que teña a ver coas remuneracións que afecten ao propio equipo de goberno do PP de Xove. Que credibilidade pode ter a clase política local, se non existe un só caso no que vostedes prediquen co exemplo?
As dedicacións exclusivas do equipo de goberno supóñenlle ás arcas públicas xovenses un 26% máis que na pasada lexislatura. Entre salarios e seguridade social a cargo do Concello, o custo dos catro liberados políticos do PP ascende a algo máis de 142.000 euros anuais para un municipio de 3.500 habitantes. É dicir, que con só reducir á metade as liberación políticas do executivo municipal, Xove contaría con 71.000 euros máis ao ano para investimento real.
Nós entendemos que a xenerosidade comeza por un mesmo, así que non nos queda outra que opoñernos ao Orzamento Municipal para o ano 2014 presentado por vostedes.