9 de febreiro de 2015



MARCO LÓPEZ REPITE COMO CANDIDATO Á ALCALDÍA DE XOVE

A Asemblea Local Nacionalista de Xove designou por unanimidade como candidato polo BNG-Asembleas Abertas á alcaldía de Xove a MARCO LÓPEZ.

DECLARACIÓNS CANDIDATO:
Unha boa parte do pobo de Xove ten un vicio confesable: adoitan votar por uns e, cando teñen algún problema, acoden cabo doutros para solucionalo. Eu acepto a miña responsabilidade e preséntome a estas eleccións, como xa fixen no 2011, porque quero asinar un contrato coa nosa veciñanza. Pero se algo aprendín dos meus predecesores (Bouza e Durán) é que o meu tempo é ouro. Se o pobo de Xove non respalda a miña candidatura, o que non vou facer é quitarlle tempo aos que sí que me queren como fillo, como marido, como irmán, como xenro, como amigo… Non hei caer neste tipo de erros, que outros cometeron e dos que me consta que se arrepentiron. No caso de non acadar a alcaldía, o meu traballo ha ser o dun concelleiro fiel ao seu electorado e ao seu pobo, nin máis nin menos.

A paralización do concurso eólico polo Goberno de Feijoo supuxo a perda dun investimento de 1000 millóns de Euros na comarca da Mariña. Este investimento supoñía  a creación de 2000 empregos na nosa bisbarra, moitos deles en Xove. E, a maiores, o 40% dos beneficios que ían supoñer os aproximadamente 90MW de titularidade pública que reverterían en investimentos nos concellos nos que se instalaran e tamén nos propietarios dos montes. As consecuencias económicas da decisión do PP de anular o concurso eólico promovido polo BNG afectou de xeito importante a diferentes sectores económicos da nosa comarca.  

Coa anunciada anulación do concurso eólico, a Xunta de Feijóo, coa aquiescencia do Concello de Xove, anulou tamén os investimentos dos plans industriais a desenvolver polos gañadores deste procedemento de concurrencia pública. Perdéronse máis de 5000 millóns de Euros a investir en todo o país, 1800 € por cada habitante de Xove. Por certo, a participación pública galega permitiría que a Xunta investise 15 de cada 100 € obtidos polo noso vento no financiamento dos servizos públicos dos galegos: dependencia, sanidade, educación… Ingresos todos que se perderon. As medidas para atallar a crise económica non caen do ceo, e agora preguntámonos que porque estamos tan mal. E asustámonos pola viabilidade de Alcoa, pero cando desde o nacionalismo galego quixemos desenvolver outra industria alternativa e complementaria para A Mariña desde o Goberno galego, o PP desmantelouna. Por certo, que no 2012 o Tribunal Superior de Xustiza declarou legal o concurso eólico, dándonos a razón aos nacionalistas.

Asemade, cómpre avanzar na creación de alternativas de futuro para a comarca da Mariña. Xove foi sempre un concello pioneiro nestas alternativas, e isto é algo que se debe recuperar por parte dos poderes públicos. A apertura dunha superficie portuaria como o dique norte de Morás abriría dinámicas para o desenvolvemento doutras industrias paralelas, permitiría a internacionalización dun sistema tan importante para Xove e a súa contorna como é a industria forestal, a través da exportación de madeira en barcos de gran tonelaxe que hoxe se fai imposible por non termos un porto das dimensións que se precisan. Este porto sería o único destas dimensións entre Ferrol e Xixón.

Os populares están avanzando tamén na eliminación de servizos sanitarios básicos na Mariña. Non sei ben a quen felicitar. Aos taxistas? Eles tamén teñen que vivir, non si? Aínda que ben pensado, así tamén gañan os hosteleiros da cidade da muralla. O que sei de certo é quen perde: NÓS. Pero non os do Bloque, eh? Todos nós. As maiorías absolutas teñen un perigo enorme, adoitan converterse en oligarquías.

Ao can de Paulov, aquel que babexa cando sinte as badaladas da campá que anuncia a hora de comer, tamén se lle podería denominar “o can de palleiro”. Porque aquí acontece algo semellante, xa non como individuos, senón como pobo.

Eu intentei nestes case seis anos que levo á cabeza do BNG de Xove (dous como responsable local e case catro como portavoz do Grupo Municipal Nacionalista) facer visible a nosa alternativa de cara á sociedade. Este traballo por e para Xove sei que está a ter éxito, pero quérovos lembrar que desde a oposición temos pouca marxe de maniobra. As cousas non son máis o menos difíciles, senón que requiren para logralas máis ou menos traballo, pero para iso o nacionalismo galego necesita medrar en apoios no Concello de Xove.

Hai unha característica que é común a moitos Gobernos do PP, e o de Xove non se salva: a ansia por destruír. A preferencia por derrubar en vez de crear. Porque é moito máis doado pechar un negocio que botalo a andar. É moito máis doado matar que parir.