28 de agosto de 2014



O BNG de Xove solicita o rexistro da páxina web do concello co dominio xove.gal

O grupo municipal nacionalista presentou no pleno unha moción na que insta o Goberno municipal para que rexistre e active o enderezo www.xove.gal nos prazos estabelecidos pola asociación que xestiona o dominio galego

No marco da actual sociedade da información: o que non está na internet non existe. A comunidade galega no mundo xa goza dunha marca propia coa que identificar todos os contidos que xeramos na Rede. O .gal é o dominio que nos corresponde como país con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos e sociais. Unha especie de sufixo co que identificamos na internet as páxinas escritas en galego e que se dirixen á sociedade galega nas súas comunicacións en liña que, tendo en conta a nosa dispersión no mundo, non se circunscribe a un ámbito territorial concreto.

O BNG solicitou a migración da páxina web do Concello cara ao .gal e resaltou que «O dominio é xestionado pola Asociación PuntoGal e os ingresos económicos que se producen pola súa actividade serven para o mantemento da propia actividade e, no caso de producírense beneficios, estes son investidos no fomento da lingua e cultura galega dentro do ámbito das novas tecnoloxías».

Unha vez rematada a fase previa denominada Programa Pioneiros, que permitiu poñer na Rede un grupo reducido e significativo de dominios o pasado 25 de xullo, Día Nacional de Galicia; agora dáse paso á Fase de Lanzamento, na que se abre o período coñecido como Abrente ou Sunrise que permitirá que aquelas entidades tanto públicas como privadas poidan exercer o seu dereito preferente de solicitar un dominio. Esta fase desenvolverase entre os meses de setembro e novembro e, simultaneamente ao Abrente, desenvolverase o proceso de Carreira ou Landrush no que aqueles interesados en dominios sen prioridade de especial interese poderán ter a súa oportunidade de solicitalo. Finalmente o proceso rematará coa Fase Aberta na que, tal e como o seu nome indica, se abrirá o rexistro libre de dominios para o público xeral e que comezará a funcionar arredor de decembro.
Por todo isto, o grupo nacionalista no Concello de Xove pediulle ao Pleno da Corporación municipal a adopción dun acordo que estabeleza un plan local de promoción entre as diferentes entidades e asociacións locais co obxecto de que comecen a mudar as súas páxinas web cara ao .gal. E, asemade, que o Goberno local xestione unha liña extraordinaria de axudas destinadas ás entidades e asociacións municipais para faceren fronte á tarifa da Asociación PuntoGal que se publicará como “prezo normal” ao longo do vindeiro mes de setembro.