O BNG de Xove pide que se controle a praga da “herba da Pampa” nas praias do municipio
O grupo municipal nacionalista tamén esixiu maior profesionalidade en relación co problema da avespa asiática tras coñecerse a mala práctica de retirar as colmeas durante o día
A “herba da Pampa” ou “cortadeira” é unha planta
invasora que provén de Sudamérica, que medra nunha mata densa e pode chegar aos
tres metros de altura. Ten follas longas con beiras moi afiadas e flores en
panícula branca sobre varas florais. A “cortadeira” foi introducida en Europa como
planta ornamental.
Esta herba, que semella tan inofensiva, atópase
entre as dez especies máis danosas da Península Ibérica. Aínda que non se trata
de ningún animal e, polo tanto, nin roe persoas nin mata abellas, a “herba da
Pampa” está considerada unha verdadeira praga e é preocupante a súa
proliferación nas praias do noso municipio, nomeadamente na de Lago. Do mesmo
xeito, desde o grupo municipal do BNG advertimos que a “cortadeira” está a
espallarse por todo o concello por desleixo institucional e instamos o goberno
municipal a que tome medidas para frear esta praga, promovendo a concienciación
social, coa finalidade de evitar a recollida e trasporte da “herba da Pampa”
pola cidadanía para evitar a propagación das sementes.
Nesta mesma liña, desde o Bloque xovense preguntámoslle
ao executivo local polas súas responsabilidades no control da praga da avespa
asiática tras coñecerse publicamente que a retirada dos niños de Vespa Velutina
estábase a realizar precisamente cando o insecto non se atopaba na colmea.
Isto, tendo en conta que as femias obreiras son estériles debido a unha hormona
que desprende a raíña fundadora do niño e que impide que sexan reprodutoras, provoca
que todas as avespas se volvan sexuadas sen esa hormona e, polo tanto, se
transformen en raíñas fundadoras de novas colmeas. É dicir, que no canto de
combatelas, a Administración estaba multiplicando a poboación de avespas
asiáticas.