O ENGADO
DA “PARTE CONTRATANTE”
Os xornais da Mariña luguesa difundiron hai
dúas semanas unha ampla información acerca dun feito histórico sen parangón: a compra
da antiga Baleeira de Morás polo módico prezo de UN EURO. O vendedor
resultaba ser Alcoa e os compradores nós, o pobo, a través do Concello de Xove.
Imaxinemos que con este ben inmoble en
desuso (do que tanto lle custou desfacerse á multinacional do alumino á vista do
elevado prezo da transacción) a
Administración municipal tivera pensado xestionar a creación do «Conxunto
Etnográfico da Baleeira de Morás». Imaxinemos por un intre que desde o Concello
trataran de conservar, cando menos, a rampla de remonte das baleas.
Asemade, botémoslle imaxinación tamén a que na proposta oficial para proceder á
recuperación da zona como área etnográfica, os paneis informativos amosaran datos
de interese xeral sobre este mamífero mariño como:
·
O xeito no que as baleas eran subidas
a terra cuns ganchos espetados no lombo do cetáceo.
·
Ou a maneira na que os homes,
calzados cuns zocos especiais con cravos, realizaban o esfolado e despece do
animal.
·
Tras o que procedían a separar o
magro da graxa, recortando grandes anacos para levalos a fundir.
·
E, finalmente, pasaban a carne do
mamífero a unhas mesas altas ou mostradores onde as mulleres a triscaban e a
envolvían cunha rede.
·
Por último, conxelaban a carne e
agardaban a chegada dos camións que transportaban a produción até Vigo, para a
súa distribución desde o porto.
Continuade imaxinando
que desde o Goberno municipal se fora promover a colaboración da veciñanza que
traballou na súa mocidade na industria baleeira. Todo isto co obxectivo de
facelos partícipes da creación do «Conxunto Etnográfico da Baleeira de Morás» a
través da recompilación das súas proveitosas lembranzas.
Xa podedes deixar
de imaxinar. A única idea que o Goberno local ten para a recuperación da zona é
a creación dun "espazo verde" e un "parque". E obvia
falarmos da escuridade do acordo legal asinado con Alcoa, onde nun dos tres puntos
dese contrato privado o comprador queda obrigado ao que segue: O Concello
de Xove manifesta que coñece o uso que a empresa IBSA
(Industrias Balleneras S.A.) e posteriormente Alúmina
Española y Aluminio Español teñen dado a tales edificios e
terreos, renunciando expresamente a reclamar a ditas empresas por contaminación
de solos ou análogos, comprometéndose a indemnizar á parte vendedora por
calquera gasto en que puidera incorrer derivado destes conceptos.
Tras
a sinatura deste cheque en branco, sabendo que ninguén dá pesos a catro pesetas
e que o prezo de compravenda foi fixado en UN EURO, o que nos queda claro é que
“a parte contratante da primeira parte será considerada como a parte
contratante da primeira parte”. Non si?
Marco López
Portavoz do BNG de Xove
15/11/2014