2 de xaneiro de 2015



O servizo público de Correos

Dende o ano 2000, en que Correos pasa a constituírse como sociedade anónima, desaparece a Relación de Postos de traballo (RPT) que ten calquera administración. Esta modificación produce efectos demoledores nos cadros de persoal neste servizo de carácter estatal, destruíndose no último lustro entre 13.000 e 14.000 postos de traballo en todo o Estado, segundo as memorias publicadas pola propia empresa. Unha etapa na que o Servizo Estatal de Correos estaba dirixida polo actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que converteu o que era un servizo público nunha entidade empresarial privada.
Na provincia de Lugo suprimíronse 29 prazas oficialmente, aínda que esta cifra non é real debido a que (a pesar de non desapareceren oficialmente) estas prazas non se cobren con novos profesionais, senón que se producen acumulacións de tarefas no persoal restante. Comparando os censos de persoal na provincia de Lugo, entre persoal funcionario e laboral, destruíronse 121 postos de traballo nos últimos dous anos.

En concreto no noso concello suprimíronse repartos en Xove e Xuances, e reduciuse persoal na Unidade de Viveiro (2 prazas), oficina da que depende a nosa de Xove. O reparto destes servizos é encargado ao resto de compañeiras. Ademais reducíronse horarios de apertura de oficinas no concello de Xove, pasando a modificarse o horario de atención ao público para quedar fixado entre as 09:00 e as 10:30 horas unicamente, obrigando á poboación a trasladarse ás oficinas principais para moitos envíos e que, no caso do noso municipio, se sitúa a 10 Km., no concello veciño de Viveiro. Todas estas reducións foron practicadas pola empresa entre os anos 2013 e 2014.
Desde o Bloque Nacionalista Galego de Xove consideramos que estamos diante do progresivo desmantelamento do servizo de Correos que, desde a súa conversión na actual Sociedade Estatal Correos e Telégrafos de participación público-privada, actúa con ánimo mercantilista, obviando a súa función pública e de cohesión territorial para evitar a marxinación e desatención da poboación, especialmente daquela que vive no medio rural.